Nota nº32 a pé de página:
Un documento altamente clarificador das políticas neoliberais, pola súa crudeza, é o de Morrison (1996), publicado polos servicios de estudios da OCDE. Christian Morrison sinala neste documento que “as políticas de estabilización económica e de axuste poden provocar disturbios sociais, poñer en perigo a estabilidade dos países”, polo que é preciso “definir e precisar as características dun programa de estabilización políticamente óptimo que, para un mesmo resultado, minimice os custos políticos [...] en termos de folgas, manifestacións ou sublevacións [que] son moi diferentes dunha medida de estabilización a outra” (p. 3). Cunha notable claridade e un cinismo cruel, indícanse as estratexias que os gobernantes teñen que despregar para realizar as políticas de axuste evitando os riscos políticos. Unha vez examinadas algunhas opcións “perigosas”, o ideólogo deste organismo de reflexión estratéxica do capitalismo mundial continuaba: “Despois desta descrición de medidas arriscadas, pódense aconsellar, pola contra, numerosas medidas que non crean ningunha dificultade política [...] Se se lles diminúen os gastos de funcionamento ás escolas e universidades, hai que procurar que non se diminúa a cantidade de servicio, aínda a risco de que a calidade baixe. Pódense reducir, por exemplo, os créditos para o funcionamento das escolas ou as universidades, pero sería perigoso restrinxir o número de alumnos matriculados. As familias reaccionarán violentamente se non se matricula aos seus fillos, pero non o farán fronte a unha baixada gradual da calidade da ensinanza e a escola pode progresiva e puntualmente obter unha contribución económica das familias ou suprimir algunha actividade. Isto faise primeiro nunha escola e logo noutra, pero non na do lado, de tal maneira que se evita o descontento xeralizado da poboación” (p. 30).
Sem comentários:
Enviar um comentário